A arxilista Maimouna Diarrá, mellor xogadora da primeira xornada na Liga Feminina 2

Pontevedra
29 de outubro 2014

O pívot senegalesa do Arxil logrou un 36 de valoración grazas aos seus 24 puntos, 17 rebotes e 4 asistencias. Varias xogadoras verdes destacan nas diferentes clasificacións tras a primeira xornada de liga

Diarrá no partido entre o Arxil e o ADB Araski no pavillón do CGTD
Diarrá no partido entre o Arxil e o ADB Araski no pavillón do CGTD / Diego Torrado

O bo inicio de liga do Club Baloncesto Arxil, con vitoria incontestable ante o Araski vasco, tivo reflexo nas diferentes estatísticas do xogo e clasificacións xerais da Liga Feminina 2.

O máis destacado é que a pívot senegalesa Maimouna Diarrá foi designado como a xogadora máis valiosa (MVP) da primeira xornada no Grupo A.

Diarrá logrou unha valoración de 36 grazas aos seus 24 puntos, 17 rebotes, 4 asistencias e 2 tapóns en 31 minutos de xogo, cun 68,75% de acerto en tiros de dous.

Acompañan á xogadora verde no quintento ideal Montserrat Gilabert (Portomar Cortegada), Aitana Cuevas (Fundal Alcobendas), Allison Feaster (Fundal Alcobendas) e Celia Menéndez (Plenilunio D.O.).

Ademais outras xogadoras do equipo pontevedrés destacan en varios apartados: Fallon Lewis é a terceira mellor triplista cun 60% de acerto e Ana Román e María Lago están entre as mellores asistentes.

A próxima xornada de luga o Arxil afrontará o seu primeiro desprazamento cun partido na pista do Badajoz Basket.