A natación é cuestión de 'promesas'

Pontevedra
08 de abril 2018

A piscina olímpica de Pontemuíños foi escenario durante a xornada do sábado do XIII Trofeo Internacional Promesas do Lérez, para as categorías prebenxamín, benxamín e alevín

XIII Trofeo Internacional Promesas do Lérez
XIII Trofeo Internacional Promesas do Lérez / Diego Torrado

A piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuíños foi escenario durante a xornada do sábado do XIII Trofeo Internacional Promesas do Lérez.

A competición, consolidada no calendario autonómico, disputouse no medio dun ambiente festivo, con gran presenza de público nas bancadas da instalación pontevedresa.

Ata 409 nadadores e nadadoras das categorías prebenxamín, benxamín e alevín déronse cita no trofeo, no que participaron 17 clubs, 16 deles galegos e un chegado desde Portugal.

Despois de ver as evolucións das promesas da natación autonómica en 33 probas ao longo da xornada, o vencedor final foi o equipo local, o Club Natación Galaico, ao superar na clasificación o Pabellón Ourense e o Portamiña de Lugo, segundo e terceiro respectivamente.

O Trofeo Promesas  do Lérez trata de outorgar experiencia competitiva aos mozos nadadores cun formato similar ao dun Campionato de España, en piscina de 50 metros e con cronometraxe electrónica, para a súa posible participación en torneos de ámbito nacional.