O día de Fin de Ano está ao virar a esquina e a mellor forma de despedir o 2022 é participando na clásica e solidaria carreira San Silvestre que tradicionalmente organiza a Sociedad Gimnástica e que este ano recupera a normalidade tras dúas edicións marcadas pola pandemia e as restricións.
Este martes ábrese o prazo de inscricións coa principal novidade de que a retirada de dorsais levará a cabo nunha oficina instalada no Mercado de Abastos. Ata o día 23 de decembro os interesados en participar poderán pasarse pola oficina entre as 17.30 e as 20.30 horas.
A alta é gratuíta, a única contraprestación que se require é a achega de polo menos un quilo de alimentos non perecedoiros que serán doados ao Banco de Alimentos de Pontevedra. Do mesmo xeito, a Sociedad Gimnástica agradece a achega voluntaria de 1 euro para contribuír á promoción do atletismo en Pontevedra e a súa comarca.
O prazo de inscricións continuará entre o 26 e o 30 de decembro no mesmo lugar entre as 10.30 e as 13.30, así como entre as 17.30 e as 20.30 horas. O día da carreira, os interesados poderán inscribirse só en horario de mañá.
O obxectivo dos organizadores para a edición deste ano é o de superar os 7.000 rexistrados, que é o récord do ano 2019.
A deste 2022 é ademais unha edición especial, debido a que tras dous anos de ausencia, a San Silvestre volverá ser multitudinaria. "Volven as cores, a ilusión os disfraces e a festa que tanto definen este evento", explican desde o club.