O equipo español de piragüismo, coa canguesa Teresa Portela encabezando a expedición, atópase en Tokio para participar no primeiro test olímpico que se vai a celebrar do 12 ao 15 de setembro na instalacións de Central Breakwater, complexo que acollerá as competicións de piragüismo e remo durante os Xogos do 2020.
Trátase dunha boa oportunidade para o equipo nacional para coñecer de primeira man as reviravoltas da pista na que se decidirán as medallas. Entre a comitiva atópanse varios padeeiros da comarca de Pontevedra como Antía Jácome, Sergio Vallejo ou Adrián Sieiro.
Este primeiro test chega despois de que o equipo español asegurase a presenza do piragüismo español na próxima cita olímpica de Tokio 2020 fai un par de semanas no Campionato do Mundo de Hungría 2019. A medalla de bronce de Teresa Portela en K1 200 e a prata do K4 masculino de Craviotto, Arévalo, Cooper e Germade aseguraban os pasaportes olímpicos de España. Aos que hai que engadir os conseguidos por Carlos Garrote no K1 200 e o K21000 metros de Cubelos e Peña.
As distintas regatas comezarán o vindeiro xoves día 12 coa presenza de Teresa Portela na proba de K1 200 metros, Antía Jácome que competirá en C1 200 metros e Adrián Sieiro e Sergio Vallejo en C2 1000 metros. Para o venres están previstas as semifinais e finais destas carreiras.
O sábado volverán competir os canoistas do Piragüismo Poio, Sieiro e Vallejo, na modalidade individual de 1000 metros, pola súa banda Antía Jácome subirase á canoa formando parella coa valisoletana Patricia Coco na distancia de C2 500 metros. O domingo pecharase este primeiro test coas finais destas probas.