Á venda as entradas e abonos do Mundial Júnior de Balonmán de Pontevedra e Vigo

Pontevedra
03 de xullo 2019

Os prezos das localidades oscilan entre os 7 euros das xornadas de mañá ou tarde da primeira fase (tres partidos), ata os 27 da semifinal e os 32 do último día para gozar coa final 

Pista de xogo azul no Pavillón Municipal dos Deportes
Pista de xogo azul no Pavillón Municipal dos Deportes / Concello de Pontevedra

O Campionato do Mundo Júnior de Balonmán que se celebrará entre o 16 e o 28 de xullo en Pontevedra e Vigo achégase e a organización acaba de poñer á venda as entradas e abonos para o evento.

Os prezos das localidades oscilan entre os 7 euros das xornadas de mañá ou tarde da primeira fase (tres partidos), ata os 27 da semifinal e os 32 do último día para gozar coa final.

En concreto os abonos terán un custo de 70 euros, con dereito a presenciar a primeira fase ao completo, os oitavos e os cuartos de final. Trátase dunha opción que estará dispoñible só de maneira anticipada ata o 15 de xullo na sede da Federación Galega de Balonmán, a través dos clubs galegos e na páxina web www.marcaentradas.com, que canalizará toda a venda online.

Desde o 15 de xullo en diante, soamente poderanse adquirir entradas por xornada a través da citada páxina web, así como na sede da Federación Galega e nos despachos de billetes dos pavillóns Municipal de Pontevedra e As Travesas de Vigo.

Cabe lembrar que Pontevedra acollerá o 16 de xullo a inauguración e o debut de España na competición. Despois será sede dos grupos C e D, así como da metade e os oitavos e cuartos de final (cos partidos de España no caso de clasificarse) e as dúas semifinais, correspondendo a final do torneo a Vigo.

O prezo das entradas, que será gratuítas para os menores de 14 anos, quedou fixado da seguinte maneira:

  • Primeira fase (xornada de mañá): 7 euros
  • Primeira fase (xornada de tarde): 7 euros
  • Primeira fase (xornada completa): 12 euros
  • Oitavos de final: 16 euros
  • Cuartos de final: 22 euros
  • Semifinais: 27 euros
  • Final e partido polo bronce: 32 euros