Acabaron as vacacións para o Club Baloncesto Arxil

Pontevedra
28 de decembro 2017

O equipo pontevedrés regresa este xoves aos adestramentos coa vista posta no primeiro partido do ano na Liga Feminina 2 que afrontará o día 7 de xaneiro en Xixón

Mayte Méndez, adestradora do Arxil
Mayte Méndez, adestradora do Arxil / Mónica Patxot

O primeiro equipo do Club Baloncesto Arxil regresa este xoves 28 de decembro ao traballo para preparar a segunda metade da tempada na Liga Feminina 2.

As pontevedresas, oitavas na clasificación, seguen aspirando a mellorar o seu rendemento e non renuncian a achegarse na segunda volta aos postos de cabeza, pero para iso precisan por unha banda deixar atrás as lesións que lles limitaron nalgunhas ocasións o seu rendemento e buscar a mellor versión dos pesos pesados do equipo, aos que se une a recente incorporación, Jelena Budimir.

A pívot serbia seguiu un plan específico de adestramento durante o Nadal para tentar alcanzar canto antes o ritmo e nivel das súas compañeiras.

A única ausencia anunciada no primeiro adestramento tras as vacacións é a de Chantel Charles, xa que a británica ten previsto sumarse ás súas compañeiras un día máis tarde.

O obxectivo para as de Mayte Méndez pasa agora por preparar a conciencia o que será o seu primeiro partido de liga do ano, o domingo 7 de xaneiro na cancha do Basket Mar de Xixón.