Presidenta e adestrador avanzárano en plena celebración polo ascenso, pero agora o club fíxoo oficial.
José Luis Míguez 'Luisito' manterase como adestrador do Pontevedra Club de Fútbol durante a próxima tempada, na que o club granate competirá en Segunda División B.
O técnico de Teo seguirá vinculado á entidade de Pasarón un ano máis en virtude dun acordo do que ambas as dúas partes se mostraron satisfeitos.
Xunto a el seguirán os seus axudantes, Pepe Rico como segundo adestrador e o preparador físico Roberto Valdés.
Aínda que o peso na composición do plantel volverá corresponder ao conselleiro Roberto Feáns, Luisito poderá ser esta vez partícipe da planificación do equipo.
Ademais das altas e baixas previstas, que se empezarán a desvelar nos próximos días tras falar cos futbolistas individualmente, o técnico granate desvelou que a súa intención pasa por comezar a pretempada dentro de tres semanas, arredor do día 22 de xullo.