Adrián Sieiro vese "bien encaminado" cara aos Xogos Olímpicos de 2020

Pontevedra
14 de xuño 2018

O padexeiro, recente bronce europeo en Belgrado, foi recibido este xoves polo alcalde de Pontevedra acompañado da súa irmá, a tamén piragüista Carla Sieiro e que está a piques de debutar a nivel internacional

Recepción a Carla e Adrián Sieiro no Concello de Pontevedra
Recepción a Carla e Adrián Sieiro no Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

O éxito de Adrián Sieiro no recente Campionato de Europa Absoluto de Piragüismo celebrado en Belgrado, onde colgou a medalla de bronce xunto a Sergio  Vallejo no C-2 1.000 metros, non fixo máis que confirmar que a parella do Poio Pescamar é unha seria candidata a pelexar por unha praza nos próximos Xogos Olímpicos.

Ese pasa por ser o principal obxectivo a medio prazo, e así o recoñeceu o propio Sieiro na recepción oficial que lle brindou este xoves o alcalde de Pontevedra xunto á súa irmá, a tamén piragüista Carla Sieiro e que aos seus 19 anos está a piques de estrearse a nivel internacional no Europeo Sub-23.

No caso de Adrián "sabíamos que teníamos buen nivel pero no sabíamos dónde íbamos a estar", recoñece o padexeiro pontevedrés do Piragüismo Poio  Pescamar, satisfeito co terceiro posto "dado que el mayor nivel está aquí en Europa", explica.

Trátase dun resultado que reforza o traballo realizado durante os últimos meses en Sevilla, onde se prepara dentro da estrutura do equipo nacional, pensando inevitablemente no gran obxectivo, lograr clasificarse para os Xogos Olímpicos de 2020 en Tokyo.

"Pienso que vamos bien encaminados a conseguir la clasificación", asegura o deportista, para o que será clave realizar un bo 2019, ano no que se xogarán a maior parte das prazas dispoñibles, primeiro nos Xogos Europeos (o gañador logrará pasaporte olímpico) e posteriormente no Mundial.

Antes, aínda esta tempada, Sieiro e Vallejo medirán de novo o seu nivel precisamente no Campionato do Mundo, que se disputará en agosto en Portugal.

"Esperamos que poida ser olímpico en 2020", sinalou á súa vez Miguel Anxo Fernández Lores, que se comprometeu a tentar "botar unha man na medida do posible" aos dous irmáns na súa preparación con apoio económico do  Concello.