Águeda Cons afina a súa posta a punto para o Campionato de Europa Junior de Natación

Pontevedra
21 de xuño 2017

A nadadora pontevedresa inicia este mércores no CAR de San Cugat a concetración previa ao Europeo Junior de Israel que se disputará a próxima semana, sendo un dos principais obxectivos da tempada xunto ao Mundial da categoría

Águeda Cons durante o Open de Primavera 2017 en Pontemuiños
Águeda Cons durante o Open de Primavera 2017 en Pontemuiños / Mónica Patxot

Israel sitúase no punto de mira da pontevedresa Águeda Cons, que a próxima semana afrontará un dos grandes obxectivos da tempada, o Campionato de Europa Junior de Natación.

A nadadora do Galaico inicia este mércores 21 de xuño a concentración previa á competición no Centro de Alto Rendemento de San Cugat, en Barcelona, xunto ao resto do equipo nacional.

Alí estará a afinar a súa posta a punto ata o próximo día 24, cando a Selección Española poñerá rumbo á localidade de Netanya, onde se disputará o Europeo entre o 28 de xuño e o 2 de xullo e onde tamén estará a súa adestradora no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Luisa Domínguez.

Águeda Cons disputará catro probas, que veñen sendo os 400, 800 e 1.500 libre e a remuda 4x200 estilo libre.

Tras esta competición a deportista pontevedresa centrarase no grande reto do ano, o Mundial Junior de natación que terá lugar na localidade estadounidense de Indianápolis do 23 ao 28 de agosto.