Águeda Cons, incluída no programa nacional de bolsas Podium

Pontevedra
20 de novembro 2017

A nadadora pontevedresa está entre os 80 deportistas nacionais menores de 23 anos seleccionados neste programa de formación impulsado por Telefónica e o Comité Olímpico Español

Águeda Cons, na última xornada do Campionato de España Open de Primavera de Natación
Águeda Cons, na última xornada do Campionato de España Open de Primavera de Natación / Mónica Patxot

Importante apoio o que recibirá a pontevedresa Águeda Cons para continuar coa súa preparación e formación, ao ser incluída no programa de bolsas Podium impulsado por Telefónica e o Comité Olímpico Español.

A nadadora do Galaico é unha das 80 deportistas nacionais menores de 23 anos que recibirá a axuda, ideada para facilitar os recursos adecuados para o desenvolvemento deportivo e humano das novas promesas do deporte.

Os resultados logrados este último ano por Águeda Cons, con tres medallas de prata no Europeo Junior de Natación e dous bronces no Mundial da categoría, unido á súa progresión e a ser xa parte do equipo nacional co obxectivo de chegar aos Xogos Olímpicos de Tokyo foron motivos de peso para a súa inclusión no programa.

A súa participación nas Bolsas Podium supoñeralle unha axuda técnica e económica de 1.400 euros ao mes.

Ademais da pontevedresa, outra deportista galega recibirá por primeira vez esta bolsa, a cesurá Camila Aldana Morison (piragüismo). Ademais repiten na lista o ourensán Pablo Rodríguez (ciclismo), a coruñesa Irene Martínez (halterofilia) e o moañés Rodrigo Conde (remo).