Importante apoio o que recibirá a pontevedresa Águeda Cons para continuar coa súa preparación e formación, ao ser incluída no programa de bolsas Podium impulsado por Telefónica e o Comité Olímpico Español.
A nadadora do Galaico é unha das 80 deportistas nacionais menores de 23 anos que recibirá a axuda, ideada para facilitar os recursos adecuados para o desenvolvemento deportivo e humano das novas promesas do deporte.
Os resultados logrados este último ano por Águeda Cons, con tres medallas de prata no Europeo Junior de Natación e dous bronces no Mundial da categoría, unido á súa progresión e a ser xa parte do equipo nacional co obxectivo de chegar aos Xogos Olímpicos de Tokyo foron motivos de peso para a súa inclusión no programa.
A súa participación nas Bolsas Podium supoñeralle unha axuda técnica e económica de 1.400 euros ao mes.
Ademais da pontevedresa, outra deportista galega recibirá por primeira vez esta bolsa, a cesurá Camila Aldana Morison (piragüismo). Ademais repiten na lista o ourensán Pablo Rodríguez (ciclismo), a coruñesa Irene Martínez (halterofilia) e o moañés Rodrigo Conde (remo).