Inmellorable estrea este mércores de Águeda Cons no Campionato de Europa Junior de Natación que se celebra estes días na localidade de Netanya, Israel.
A nadadora pontevedresa do Galaico demostrou chegar á cita en plena forma e brillou con luz propia para subir este mércores ao podio na proba de 800 libre facéndose coa medalla de prata.
Águeda rebaixou en máis de 4 segundos a súa mellor marca persoal, coa que se proclamou en 2016 campioa nacional junior nas Palmas, parando o crono nun tempo de 8:35.18 e sendo só superada pola húngara Ajna Kesely (8:31.81). Completou o podio continental a rusa Anastasiia Kirpichnikova (8:36.79) na terceira posición.
Un novo logro na meteórica carreira dunha das grandes promesas da natación galega, que aínda pode ampliar a súa palmarés no Europeo Junior.
O campionato prolongarase ata o próximo 2 de xullo e Águeda está inscrita tamén nos 400 e 1.500 libre, ademais de participar na remuda 4x200.