Alejandro Muñiz estréase no Bernabeu

Pontevedra
02 de xaneiro 2024

O colexiado pontevedrés estreará en 2024 a súa recentemente lograda condición de árbitro internacional FIFA dirixindo por primeira vez un encontro do Real Madrid, único equipo da actual Primeira División xunto ao Celta (excluído por ser galego) co que aínda non coincidira

Alejandro Muñiz, no partido de Primeira División entre Almería e Betis
Alejandro Muñiz, no partido de Primeira División entre Almería e Betis

O ano 2024 estrearase de maneira especial para o pontevedrés Alejandro Muñiz Ruiz, representante do CTA Pontevedra na Primeira División.

Ademais de poder lucir por primeira vez a insignia de árbitro internacional FIFA, recentemente outorgada polo organismo internacional, Muñiz Ruiz estreará o ano derrubando a última barreira que quedaba a nivel nacional, a de dirixir un encontro no Estadio Santiago Bernabeu e ao Real Madrid.

O conxunto da capital era o único da actual Primeira División, exceptuando ao Celta ao estar excluído como equipo galego, co que aínda non se tiña cruzado nas súas tres tempadas e 46 encontros na máxima categoría.

En concreto Alejandro Muñiz foi designado para arbitrar este mércores 3 de xaneiro o choque entre o Real Madrid e o Real Mallorca (19.15 horas), correspondente á xornada 19 de liga, encontro no que estará asistido desde o VAR por Javier Iglesias Villanueva.

Ata a data nos seus 46 partidos en Primeira División o equipo ao que máis veces arbitrou o pontevedrés é ao Rayo Vallecano (8 veces), seguido de Getafe (7), Osasuna (7), Mallorca (7) e Cádiz (7). Ademais dirixiu en catro ocasiones o Barcelona ou en dous o Atlético de Madrid.