O Poio Pescamar informou este martes da nova operación á que foi sometida a súa xogadora Anna Escribano.
Trátase dun capítulo máis nun calvario en forma de lesións que se prolonga xa máis de ano e medio, pero que non acaba coa súa esperanza de volver máis forte que nunca ás pistas de xogo.
Anna, tras unha gran campaña no curso 22/23, decidiu operarse para tratar o menisco do seu xeonllo esquerdo.
Con todo o seu proceso de recuperación non foi como esperaba e despois de participar ese ano en apenas tres partidos de liga optou en xuño de 2024 volver pasar polo quirófano.
Esta circunstancia non impediu ao Poio Pescamar redobrar a súa confianza nela ofrecéndolle a renovación.
Todo o mundo esperaba que fose a definitiva, pero chegado o mes de febreiro volveu a ser intervida "da lesión de cartílago no seu xeonllo esquerdo, despois dunha primeira operación sen acerto", explica o club conserveiro.
"Pronto comezará o seu proceso de recuperación para regresar ás pistas", afirma con optimismo o equipo vermello, desexando poder volver contar cunha das súas futbolistas máis experimentadas.
Non en balde Anna Escribano afronta esta tempada a que é a súa quinta campaña na Seca, cuarta de maneira consecutiva.