Anna Godoy arrasa no Nacional Sprint de Tríatlon

Pontevedra
23 de agosto 2020

As triatletas comezaron a carreira en orde inversa e separadas por 20 segundos, pasando na carreira ciclista e a pé por diante de afeccionados que se concentraron nas inmediacións da Ponte dos Tirantes e da Illa das Esculturas para animalas

Categoría elite feminina do Campionato de España Sprint de Tríatlon

Unha vez finalizada a carreira elite masculina do Campionato de España Sprint de Tríatlon, que deixou como vencedor ao toledano Fernando Alarza, chegou a quenda da competición feminina.

A carreira, que comezou ás 10:45 horas, estivo marcada polo sol e a boa temperatura, ademais do formato contrarreloxo individual sen drafting polo que se rexeron todas as probas disputadas esta fin de semana en Pontevedra ao ter que adaptarse á normativa vixente a nivel autonómico en relación á práctica deportiva.

Como nas anteriores probas, as triatletas comezaron a carreira en orde inversa e separadas por 20 segundos, pasando na carreira ciclista e a pé por diante de afeccionados que se concentraron nas inmediacións da Ponte dos Tirantes e da Illa das Esculturas para animalas.

Anna Godoy arrasou en todas as modalidades. A barcelonesa foi a máis rápida no segmento a nado cun tempo de 10:29, seguida por Vera de Paiva a 17 segundos e Sara Guerrero a 28.

Na proba ciclista logrou aumentar a súa vantaxe saíndo da T2 cun tempo de 43:05, mentres Sara Pérez seguíaa a 42 segundos e con 41 sobre Miriam Casillas. En cuarto lugar chegaban Aneke Jenkins (44:25) e en quinto Camila Alonso (44:37).

A calor facía efecto nas corredoras pero Anna Godoy non baixaba o ritmo e seguiu na cabeza de carreira ata chegar á meta cun tempo de 1:00:12, colgándose o ouro do do título nacional. En segundo lugar chegou Xisca Tous (1:01:16), mentres que Miriam Casillas completou o percorrido en 1:01:40.

Noelia Juan chegou cuarta, e Cecilia Santamaría quinta, logrando o ouro sub23. Sara Pérez, pola súa banda, foi sexta