Acabaron o curso cun gran resultado no Mundial de Tokyo, sétima Antía Chamosa na distancia olímpica de 20 quilómetros marcha e sexto Daniel Chamosa na proba de 35 quilómetros.
Agora, despois dun merecido descanso, calzaron de novo as zapatillas de competición para iniciar a súa nova tempada con grandes sensacións.
Os marchadores pontevedreses da Sociedad Gimnástica participaron a fin de semana na XXXVII edición da Espada Toledana, unha proba clásica do calendario nacional.
Foron ademais dous dos grandes protagonistas, sobre todo Antía ao conseguir vencer con autoridade en Toledo por terceiro ano consecutivo.
Cun tempo de 22 minutios e 50 segundos nos 5 quilómetros de trazado, a atleta da Boa Vila superou a dúas das mellores marchadoras de Francia, como son Ana Delahaie (23:40) e Pauline Stey (23:42).
Na proba masculina pola súa banda o vencedor foi o sueco Perseus Karlström, actual campión de Europa de 20 quilómetros.
Asinou un tempo de 19:47 con Dani Chamosa en segunda posición (20:05). Completou o podio José Manuel Pérez Rubio (20:16).
Unha cita coa que recobrar sensacións. Tal e como recoñeceu tras a proba Antía Chamosa a través das súas redes sociais "empezando a pretempada aos poucos e con ganas doutro ano ilusionante".