O piragüismo pontevedrés non ten teito, e así o demostraron Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra) e Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar) no Campionato de Europa Sprint que se celebra en Munich, Alemaña.
E é que nas finais celebradas na matinal deste domingo, Antía Jácome fíxose coa medalla de ouro no C-1 200 metros e coa prata no C-2 200 xunto á madrileña María Corbera, mentres Sieiro facíase co campionato de Europa no C-2 500 co balear Joan Antoni Moreno.
A primeira en subirse á piragua foi Jácome para competir na carreira do C-2 200 metros xunto a María Corbera.
As españolas empezaron un pouco atrasadas a proba, pero aos poucos foron progresando demostrando do que son capaces. De feito, cruzaron a liña de meta a só 52 milésimas da embarcación húngara tripulada por Giada Bragato e Bianka Nagy, gañadoras cun tempo de 44.066. Terceiras foron as alemás Lisa Jahn e Sophie Koch (44.879).
Despois chegou a quenda da dupla formada por Sieiro e Moreno no C-2 500 metros, onde realizaron unha impecable carreira para proclamarse campións de Europa.
Unha saída explosiva nada máis soar o bocinazo permitiu aos españois facerse cunha primeira posición que non abandonaron en toda a proba, finalizando cun crono de 1:44.9.
Pero as medallas seguiron chegando para os padeeiros pontevedreses, de novo da man de Antía Jácome nos C-1 200 metros.
A da EP Ciudad de Pontevedra foi de menos a máis, pero unha vez que se colocou primeira xa non baixou os brazos e cruzou a meta cun tempo de 47.9 que vale unha medalla de ouro no Campionato de Europa.