Ribadumia e Arosa sumaron os tres puntos esta fin de semana. Os de Luís Carro recibiron na Senra ao Choco, e os de Vilagarcía desprazáronse ao campo do Couto para enfrontarse á UD Ourense na segunda xornada de Terceira División.
Os aurinegros volveron a gañar no seu regreso á a Terceira División. Despois de vencer na xornada pasada á UD Ourense, esta fin de semana venceron por 2-1 ao Choco.
O partido empezou igualado onde ningún equipo era capaz de abrir a lata. O Choco viuse obrigado a realizar un cambio aos 15 minutos ante as molestias musculares de Davo, que foi sustituído por Nelson.
A intensidade e a procura do gol obrigou a ambas as defensas para realizar varias entradas duras que se saldaron con cartolinas amarelas para ambos os conxuntos.
O Choco insistía na portería de Roberto Pazos e, cando mellor estaban a xogar, víronse cun gol en contra. Álex Fernández adiantou ao Ribadumia para chegar ao descanso con vantaxe no marcador.
Tras o paso polos vestiarios os visitantes seguiron roldando a portería dos aurinegros, que buscaban o empate custe o que custe. Foi no minuto 66 cando Martín igualou a contenda para meter aos seus no encontro.
O gol non fixo efecto no Ribadumia que non tardou nin cinco minutos en volver poñerse por diante. O colexiado pitou penalti e Hugo Soto encargouse de transformalo, poñendo o 2-1 que deu a segunda vitoria esta tempada ao conxunto da Senra.
Consulta a acta do Ribadumia-Choco.
Pola súa banda, o Arosa sumou o primeiros tres puntos esta tempada tras vencer pola mínima á UD Ourense.
Os de Rafa Sáez, que viñan de perder ante o Arenteiro na anterior xornada, aproveitaron o dúo entre Campillo e Javi Fontán para marcar a diferenza.
O partido empezou ben para o conxunto arlequinado, chegando moi ben pola banda dereita. Foi así como chegou o primeiro e único gol do partido. Campillo enviou o balón para Javi Fontán que atrasou para Mon, enviando un zurdazo desde a frontal da área que se coou a escuadra defendida por Dani (min. 12).
Todo estaba de fronte para o Arosa, que puido aumentar a vantaxe no minuto 20 despois dun man a man de Pedro Beda que finalmente parou o porteiro local.
A partir da media hora o Arosa empezou a ter problemas. O campo parecía que se lles facía grande e mostrábanse cansos, con todo, foron capaces de aguantar o resultado.
Nada máis comezar a segunda parte, nin Rober en primeira liña e Pedro Beda en segunda instancia foron capaces de rematar o esférico que chegou centrado, índose finalmente por banda esquerda.
A partir de aí o Arosa empezou a sufrir, o balón non lle duraba tanto e a UDO empezou a buscar o empate con máis necesidade, pero Manu Táboas mantivo a portería a cero ata que o colexiado pitou o final (0-1).
Consulta a acta do UD Ourense-Arosa.