As derradeiras prazas do Pro Tour, en xogo no Nacional da Coruña

Pontevedra
24 de setembro 2019

Este campionato de distancia olímpica concede quince dorsais para a cita pontevedresa. Os gañadores das categorías masculina e feminina obterán o pase ao grupo de ouro no que xa esperan os campións de España de distancia sprint e triatletas internacionais da talla de Gómez Noya. A organización e o  Concello repartirán o últimas catro invitacións

A triatleta española Anna Godoy, que tamén estará no Pro Tour, durante unha competición Fetri

A lista de saída do último gran evento do ano de tríatlon nacional, o Pro Tour que se disputará os días 12 e 13 de outubro en Pontevedra, está a piques de pecharse. Esta fin de semana dispútase o Campionato de España de distancia olímpica na Coruña, do que sairán os últimos quince dorsais para a cita lerezana.

O grupo de ouro da competición xa ten a nómina completa coa participación confirmada de triatletas internacionais da talla de Anna Godoy, Sara Pérez Salga e Carolina Routier, Mario Mola, Javier Gómez Noya, Fernando Alarza e Antonio Serrat, así como os campións nacionais de distancia sprint Tamara Gómez e Alberto González.

O campionato nacional de distancia olímpica da cidade herculina premiará á primeira e o primeiro clasificado cun dos dorsais principais en Pontevedra, xunto aos campións Sprint e a representación de internacionais. Selección á que se sumarán outros catro invitados: dúas mulleres e dous homes, a decidir pola dirección técnica de FETRI e o Concello de Pontevedra.

Fóra deste grupo de elite, están tamén chamados a participar na primeira edición do Pro Tour pola súa clasificación no Campionato de España Sprint de Roquetas de Mar: Xisca Tous, María Rico, Noelia Juan, Sara Guerrero, Claudia Pérez, Paula Ferreiro, Ana Mariblanca, Marta Pintanel, Raquel Aróstegui, Paula García Godino, Sofia Aguayo, Sonia Ruiz, Ana María Santiso e Edymar Brea; así como Jordi García, David Castro, Romaric Forqués, Ignacio González, Genís Grau, Andrés Cendán, Iván Gil, Carlos Oliver, Héctor Arévalo, Alberto Castiñeira, Camilo Puertas, Antonio Benito, Guillem Montiel e Albert Parreño.

A competición inclúe dúas explosivas xornadas de competición moi atractivas para o público. O sábado 12 de outubro celebrarase unha competición eliminatoria que iniciarán 40 deportistas e só terminarán 15 en cada categoría con eliminación de cinco triatletas ao final de cada segmento en dous tríatlons SuperSprint consecutivos. O domingo 13 de outubro disputaranse dúas semifinais en cada categoría, e unha final cos dez mellores clasificados nas probas anteriores.

O evento será emitido en directo por LaLigaSports.