Bágoas, moito agarimo e un terceiro posto na última carreira de Pablo Dapena como triatleta profesional

Pontevedra
22 de outubro 2023

"Toda etapa ten un final". Esas foron as palabras de Pablo Dapena despois de finalizar a súa última carreira como triatleta profesional este domingo en Ibiza Half Triathlon, proba internacional puntuable para o circuíto da Professional Triathletes Organization (PTO) e que ademais supoñía a proba final da Copa de España de Tríatlon de Media e Longa Distancia

Pablo Dapena, no Ibiza Half Triathlon
Pablo Dapena, no Ibiza Half Triathlon / Ibiza Half Triathlon

"Toda etapa ten un final". Esas foron as palabras de Pablo Dapena despois de finalizar a súa última carreira como triatleta profesional este domingo en Ibiza Half Triathlon, proba internacional puntuable para o circuíto da Professional Triathletes Organization (PTO) e que ademais supoñía a proba final da Copa de España de Tríatlon de Media e Longa Distancia.

O pontevedrés foi un dos protagonistas da carreira, que encheu a illa dun auténtico espectáculo deportivo, bo ambiente e, por suposto, agarimo cara a el.

A carreira comezou ben cedo, ao redor das 8:00 horas cos 2.000 metros de natación, con saída e chegada ao Paseo Marítimo de ses Figueretes. Foi o alemán Ilhem Hirsch o que impuxo o seu dominio saíndo primeiro en saíu da auga cun tempo de 24:09, aínda que moi de preto, a tan só 3 segundos, dun trío con Guillem Vermellas, Pablo Dapena e Emilio Aguayo.

Tocaban os 90 quilómetros de ciclismo, nos que o alemán seguiu impoñendo o seu ritmo e poñendo terra polo medio, chegando á T2 cunha vantaxe de case cinco minutos sobre o seu inmediato perseguidor, o seu compatriota Niklas Ludwig, que se escapou nos 12 quilómetros finais dun grupo no que estaban os españois Dapena e Zorrilla, a 6:33.

Na carreira a pé, Hirsch seguiu ao seu e ninguén puido darlle caza, cruzando a liña de meta cun tempo de 3 horas, 48 minutos e 28 segundos. Segundo foi o aragonés Fernando Zorrilla, que entrou a 5:01 despois de deixar ao pontevedrés a tres quilómetros do final.

Finalmente, Pablo Dapena cruzou a liña entre bágoas en terceira posición, poñendo desta forma o broche de ouro á súa carreira deportiva.