Unha baixa por sanción, dous lesionados e unha defensa reforzada: Así chegará o Numancia a Pasarón

Pontevedra
20 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:04

Pontevedra e Numancia, primeiro e segundo clasificado do Grupo I da Segunda RFEF, xogaranse moito máis que tres puntos no duelo do próximo domingo 26 en Pasarón

Presentación de Fabrizio Danese e Mikel Mendibe coma xogadores do Numancia
Presentación de Fabrizio Danese e Mikel Mendibe coma xogadores do Numancia / CD Numancia

Semana clave para o Pontevedra Club de Fútbol.

Tras o seu triunfo fronte ao Compostela, os granates miran xa no horizonte cara á visita do Numancia ao Estadio Municipal de Pasarón (domingo 26, 17.00 horas), un duelo no que estarán en xogo moito máis que tres puntos.

Enfrontaranse primeiro contra segundo, un Pontevedra líder con 43 puntos e un Numancia que lle persegue con 40 e que ten de momento o average particular ao seu favor polo triunfo na primeira volta en Soria (2-0). Co Ávila xa a 10 puntos de distancia na terceira posición, a praza de ascenso directo pódese empezar a clarificar en función do que pase sobre o céspede.

Un triunfo poría aos de Yago Iglesias con seis puntos de vantaxe sobre o seu máximo rival, mentres que cunha vitoria visitante igualaríanse as forzas a 14 xornadas da conclusión da liga regular.

O equipo soriano chegará a Pasarón despois de vencer o Coruxo pola mínima. Trátase do equipo que menos veces perdeu en liga (1 derrota por dúas do Pontevedra) pero empatou até en 7 ocasións, con 30 goles a favor por 13 en contra.

Un número de tantos case calcado aos granates, que suman 29 a favor e 12 en contra.

Calquera detalle pode resultar importante para este duelo de favoritos, cun Pontevedra que recuperará a Samu Mayo e a Pelayo tras cumprir un encontro de sanción pero que ten aínda complicado contar con Chiqui, debido á microrrotura muscular que sufriu na Copa contra o Mallorca.

Si estará dispoñible e disposto o recentemente redebutado Brais Abelenda, tras os seus bos minutos contra o Compostela.

No caso do Numancia, o seu técnico Aitor Calle contará cunha importante baixa por sanción, a de Alain Ribeiro, tras ver na última xornada a súa quinta cartolina amarela do campionato. O centrocampista é un dos homes con máis minutos sobre o céspede, sendo titular en 17 das 19 xornadas disputadas. Ademais perderán a 'final' de Pasarón por lesión Óscar de Frutos e Diego Royo.

Por contra o conxunto soriano contará coas súas dúas recentes fichaxes, ambas as dúas reforzos para a zaga. Trátase de Fabrizio Danese, defensor italiano que a pasada campaña militaba no Ceuta de Primeira RFEF e que xa se estreou contra o Coruxo, e Mikel Mendibe, central ou lateral contratado do Intercity.

Un encontro que tamén se disputará desde a bancada de Pasarón, coa afección pontevedresa tentando empuxar aos seus cara ao triunfo e unha inchada visitante que ten previsto estar representada con desprazamento organizado en autocar incluído.