Na terceira xornada de competición do Campionato de España Absoluto Open de Primavera de natación que se está disputando en Málaga, Bea Gómez Cortés tomou a testemuña como cabeza da representación pontevedresa.
A deportista olímpica, agora nas filas do CN Sabadell, clasificouse con autoridade para a final dos 200 estilos despois de superar as eliminatorias e tamén a semifinal, na que marcou un tempo de 2:16.68. A final desta proba terá lugar este martes, co obxectivo de para Bea Gómez de achegarse aos postos de podio nos que só parece inalcanzable Mireia Belmonte (2:12.54 nas semifinais).
A que non tivo un bo día foi Águeda Cons, que tras non entrar na final do 200 libre, ao ser duodécima (2:04.51), deuse de baixa no 1.500 libre, distancia na que acreditaba a segunda mellor marca entre todas as participantes.
Cons, que xa foi cuarta nos 800 libre conseguindo a marca mínima para os Xogos Olímpicos da Mocidade, conseguiu na xornada do domingo un posto de finalista no 400 libre ao ser oitava (4:19.03).
Tamén competiron este luns en Málaga outras dúas representantes do Galaico como Clara Otero, cun tempo de 31.93 nas eliminatorias de 50 costas, e Carla Goyanes na clasificatoria de 100 bolboreta (1:05.77). Goyanes finalizou tamén na segunda xornada no posto 15 da 200 bolboreta (2:21.08).
Consulta os resultados completos do Campionato de España Open de Primavera de natación.