Calma na Segunda B para o próximo curso

Pontevedra
28 de maio 2018

O novo presidente da Real Federación Española de Fútbol mostrouse contrario á reestruturación proposta na recente Congreso de Fútbol Afeccionado, polo que buscará unha nova fórmula para mellorar a categoría e alivia as urxencias dos equipos á hora de planificar o curso vindeiro

Luis Rubiales, presidente da Real Federación Española de Fútbol
Luis Rubiales, presidente da Real Federación Española de Fútbol

A chegada de Luis Rubiales á presidencia da Real Federación Española de Fútbol aliviou en parte o abafo dos equipos da Segunda B e Terceira División ante unha reestruturación, que parecía inminente e que provocaría na práctica o descenso de 60 dos 80 equipos da categoría de bronce.

Rubiales expresou o seu desacordo coa proposta aprobada polo recente Congreso do Fútbol Afeccionado, que de ser aprobada na próxima Asemblea da RFEF entraría en vigor na tempada 2019/2020, convertindo o próximo ano en decisivo para a configuración das futuras categorías.

A vontade do presidente federativo de escoitar a todas as partes implicadas no proceso e buscar outra fórmula para potenciar estas categorías, que en todo caso entraría en vigor agora no curso 20/21, resta certa urxencia aos equipos este verán, tendo en conta que agora parece pouco probable que a proposta impulsada por Marcelino Maté saia adiante na Asemblea, tal e como tería pasado se as eleccións á RFEF as gañase Larrea.

Tanto é así que unha das primeiras medidas de Rubiales no organismo federativo é substituír ao propio Marcelino Maté como presidente da Comisión de Segunda B, propoñendo para o seu posto a José Ángel Peláez, actualmente presidente da Federación Cántabra.

Desta forma, salvo sorpresa maiúscula, a Segunda División B terá a próxima tempada o formato habitual dos últimos anos con catro grupos de 20 equipos. Falta saber a repartición xeográfica dos mesmos, que como cada verán xerará controversia nalgunha das rexións implicadas.