Case 800.000 euros para renovar instalacións deportivas en trece concellos da área de Pontevedra

Ponte Caldelas
26 de decembro 2023

Os concellos beneficiarios desta achega económica serán Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo e Vilaboa, segundo informa o goberno provincial

Obras no Pavillón de Baltar
Obras no Pavillón de Baltar / Concello de Sanxenxo

Preto de 785.000 euros do plan extraordinario de infraestruturas deportivas que impulsa a Deputación contribuirán a construír e mellorar instalacións deportivas, adquirir terreos para uso deportivo ou mercar equipamentos ou material en trece concellos da área de Pontevedra.

Os concellos beneficiarios desta achega económica serán Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo e Vilaboa, segundo informa o goberno provincial.

En concreto, Barro recibirá máis de 38.000 euros, Caldas de Reis máis de 68.000 euros, Campo Lameiro preto de 29.000 euros, Cerdedo-Cotobade máis de 48.000 euros, Cuntis case 43.000 euros, A Lama uns 33.000 euros, Marín otros 139.000 euros e Moraña preto de 41.000 euros.

Máis de 105.000 euros irán para Poio, para Ponte Caldelas preto de 48.000 euros, para Portas máis de 34.000 euros, para Sanxenxo case 108.000 euros e para Vilaboa uns 50.000 euros.

As bases do plan extraordinario de infraestruturas deportivas contemplan que os concellos terán tres meses dende a publicación da convocatoria para presentar os proxectos de orzamentos destas actuacións deportivas.

Os proxectos deberán ser superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros. Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade antes do 30 de abril de 2025.