Charo Castro renova o seu compromiso como presidenta da Gimnástica ata 2026

Pontevedra
18 de marzo 2022

O club de atletismo pontevedrés celebrou este xoves unha asemblea de socios na que Charo Castro foi reelixida como presidenta. Entre os obxectivos da renovada xunta directiva "tengo la confianza de que este año podamos celebrar con toda normalidad tanto el medio maratón como la San Silvestre", avanzou

Charo Castro, na saída simbólica da 'Rara, pero San Silvestre'
Charo Castro, na saída simbólica da 'Rara, pero San Silvestre' / Mónica Patxot

Aposta pola continuidade na Sociedad Gimnástica, que este xoves celebrou unha asemblea de socios na que se debía nomear unha nova xunta directiva.

Tal e como se esperaba Charo Castro foi reelixida como presidenta da veterana sociedade deportiva, que este curso cumprirá 95 anos de vida, sendo a súa a única candidatura presentada. Seguirá rodeada dos mesmos compañeiros de directiva dos últimos anos, con Santi Ferrer como vicepresidente, Lucía Ferreiro como secretaria ou Julio Ventín como tesoureiro, entre outros.

"Toca ata 2026 e os obxectivos son os mesmos, seguir mantendo ao equipo masculino na máxima categoría, na División de Honra, e tentar paiño a pasiño que as mozas se acheguen ao ascenso, e logo seguir como sempre coas escolas de base", explica Castro.

Ademais co fin das restricións en eventos deportivos a dirixente da Gimnástica asegura que "teño a confianza de que este ano podamos celebrar con toda normalidade tanto o medio maratón como a San Silvestre", sinalou en relación a dúas das probas deportivas de maior repercusión que organiza ao longo do ano.

A idea é "seguir adiante como o estamos facendo", defende, tentando fomentar a práctica deportiva do atletismo desde a idade escolar. Todo sen esquecer a efeméride do seu 95 aniversario, que esperan celebrar ao grande o próximo mes de setembro.