O Cisne afunde en Sevilla e encaixa a súa segunda derrota consecutiva

Pontevedra
20 de setembro 2025

Os brancos plantaron cara durante a primeira metade e chegaron a ir por diante no marcador, pero na segunda parte desvanecéronse por completo e acabaron caendo ante o Proín Sevilla 35-29

Partido entre Proín Sevilla e Cisne
Partido entre Proín Sevilla e Cisne / Club Cisne Balonmano

A segunda xornada de liga tampouco deixou boas sensacións no Club Cisne Balonmán, que se viu superado polo Proín Sevilla por 35-29 e encadea a súa segunda derrota consecutiva.

O encontro foi unha montaña rusa con momentos de dominio para ambos os dous equipos, aínda que o desgaste e as exclusións penalizaron os pontevedreses na segunda parte.

E iso que o inicio foi prometedor para os brancos, que lograron un parcial de 1-3 grazas á efectividade de Martín Santos, Manu Lorenzo e Alberto Delgado en ataque. O Proín Sevilla reaccionou rápido e nivelou o marcador a 3-3, pero o Cisne respondeu con acerto, alcanzando unha renda de tres goles de vantaxe (6-9, min. 12).

Con todo, a dinámica enseguida cambiou. Un parcial de 3-0 nos últimos oito minutos do primeiro tempo, unido á exclusión de Xoán Fernández, permitiu ao Proín Sevilla adiantarse 13-11, o que obrigou Quiños a pedir un tempo morto para reaxustar ao equipo.

Iago Costas apareceu para liderar a remontada e, xunto con Alberto Delgado e Guilherme Linhares, voltearon o resultado até o 13-14. O duelo seguiu moi igualado, Montoro empatou para os locais e Virulegio anotou case sobre a bucina o 14-15 co que se chegou ao descanso.

Tras o paso por vestiarios, a igualdade continuou, pero a exclusión de Iago Costas no minuto 5 condicionou o desenvolvemento do partido por completo. Os de Sevilla aproveitaron para impor un ritmo moi alto, colocando o 22-19 que desdebuxou por completo ao Cisne.

A pesar dos intentos de Quiños por frear ao rival cun tempo morto co 25-21, os locais xa tomaran o control absoluto do duelo e o Cisne non puido remontar. Si que é verdade que apertou e chegou a situarse a só tres goles cando faltaban dez minutos, pero o desgaste era evidente e o Proín Sevilla mantivo a vantaxe até o 35-29 definitivo.

Consulta a acta neste enlace