Combarro prepárase para tres días de vela coa Copa de España de Bic Open

Poio
28 de maio 2013

A proba, dirixida a regatistas de menos de 16 anos, xa conta con 30 embarcacións inscritas. Trátase dunha regata de categoría nacional clasificatoria para o Campionato do Mundo da especialidade

Todo listo para que o Real Club Náutico de Combarro acolla os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño a Copa de España de Bic Open, unha categoría de vela dirixida a menores de 16 anos recoñecida pola Federación Internacional (ISAF) e recomendada como paso imprescindible para iniciarse no 29er e 49er.

A regata, na que están confirmados unha treitena de participantes de Baleares, Cataluña, País Vasco, Andalucía, Murcia e Galicia, está fixada como proba de categoría nacional clasificatorio ademais para o Campionato do Mundo da especialidade.

A clase BIC Open, enmarcada no ámbito da vela infantil, é unha modalidade emerxente en España. Trátase dun barco dunha soa vela coa cuberta despexada, deixando o navegante moverse libremente en calquera condición de vento e mar. A súa estrutura, aberta en popa, axuda a manter o barco totalmente seco, mesmo despois de envorcar.

Na presentación do evento estiveron presentes o alcalde de Poio Luciano Sobral, a concelleira de Deportes Marga Caldas, o presidente da Federación Galega de Vela Manuel Villaverde, a directora da escola de vela Sandra Azón e o presidente do Náutico de Combarro, Juan Carlos Pérez, que destacou a grande oportunidade que supón para o club organizar eventos deste tipo, "se trata de una regata muy importante para nuestro club, es el primer campeonato que organizamos a nivel nacional y donde niños de toda España podrán conocer Combarro, la Ría de Pontevedra".