Competición confirma o partido de sanción a Xisco Campos tras a súa expulsión fronte a Unionistas

Pontevedra
26 de xaneiro 2021

A Xuíza Única de Segunda B confirmou o castigo ao central do Pontevedra, unha vez corrixido o erro na acta arbitral que atribuía a expulsión ao seu compañeiro Pol Bueso, que se atopaba no banco

Xisco Campos, no partido entre Pontevedra e Celta B en Pasarón
Xisco Campos, no partido entre Pontevedra e Celta B en Pasarón

Xisco Campos non estará dispoñible para o próximo e vital partido do Pontevedra no campo do Celta B. Era o esperado tras a súa expulsión o domingo fronte a Unionistas ata comprobar a redacción da acta arbitral.

Finalmente o colexiado do encontro, o andaluz Quintero González, enviou un rectificado ao documento oficial para arranzar o seu erro, ao atribuír inicialmente a tarxeta vermella de Campos ao seu compañeiro Pol Bueso, que nin sequera se atopaba sobre o terreo de xogo.

"Por erro involuntario, e unha vez acudido no meu domicilio, decateime que o xogador do Nº5 do Pontevedra  C. F., D. Pol Bueso Paradis, aparecía na acta como xogador expulsado no minuto 79, sendo realmente o xogador nº21 D. Francisco Javier Campos Coll no minuto 79, non dándose conta tampouco ambos os delegados á finalización do encontro da devandita anomalía, unha vez revisamos a acta arbitral", engadiu nun anexo ao documento o colexiado.

Ante esta rectificación a Xuíza Única de Competición referendou este martes o castigo ao central granate, sendo suspendido por un partido.

Xisco unirase desta forma a unha lista de baixas na que tamén figuran os lesionados Romay, Adrián Cruz e Rufo, aínda que este último evoluciona positivamente facendo pensar nunha probable reaparición a seguinte xornada na visita do Zamora a Pasarón.