Con todo o plantel dispoñible para remontar o voo ante o Toledo

Pontevedra
09 de setembro 2017

O Pontevedra Club de Fútbol quere esquecer o seu mal arranque de competición e conseguir a súa primeira vitoria da tempada na visita a Pasarón do Toledo (17:00 horas), un equipo que a pasada campaña tamén xogou como os granates o play-off de ascenso pero que tampouco arrincou con bo pé

Luisito durante un adestramento do Pontevedra en Pasarón
Luisito durante un adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Necesita reaccionar o Pontevedra Club de Fútbol na cuarta xornada de liga, na que recibe (domingo, 17:00 horas) ao Club Deportivo Toledo coa intención de dar unha alegría á súa afección e comezar a mirar ao futuro con optimismo.

Os granates, que acumulan tres derrotas na liga e outra na copa, conxuráronse durante toda a semana para deixar atrás o seu mal arranque fiándose á maxia do Estadio Municipal de Pasarón.

Despois dalgún susto pola semana en forma de molestias, Luisito contará con toda a artillería á súa disposición, desde xogadores que arrastraron problemas como Jorge Hernández ou Álex González ata a última incorporación do equipo, o dianteiro Jesús Berrocal.

A importancia que dá o técnico ao partido reflíctese na decisión de blindarse e realizar este sábado unha última sesión preparatoria a porta pechada.

Será un duelo de traxectorias similares, e é que o Toledo, equipo que como o Pontevedra disputou a pasada campaña o play-off de ascenso a Segunda, chega á Boa Vila con só 2 puntos na súa marcadora de 9 posibles.

Onésimo non poderá contar para o choque co central mexicano Aarón Galindo, recentemente incorporado ao grupo, nin tampouco con Jorge Ortí, lesionado.

O colexiado do encontro será o madrileño Fernando Bueno Prieto.