Coa ilusión de repetir, por que non, a incrible experiencia da pasada tempada na Copa do Rei.
Así afronta o Pontevedra Club de Fútbol a primeira rolda do torneo copeiro, aínda que nesta ocasión como claro favorito ao visitar este mércores (20.30 horas, TVG2) á UD Ourense de Segunda RFEF no Estadio do Couto.
"Se queremos ver fútbol profesional hai que pasar a eliminatoria e iso é unha responsabilidade. O que temos entre mans é un reto, non é medo, é ilusión", asegura o adestrador granate, Rubén Domínguez.
O técnico afrontará o choque con "todos dispoñibles salvo Hervías, e Raúl entrará na convocatoria", confirmou avanzando que haberá rotacións nunha "oportunidade para que todo o mundo poida achegar e sentir importante".
No que respecta ao rival, a UD Ourense no que militan os exgranates Rufo, Manu Vizoso, Pol Bueso e Jaichenco, "é un equipo que encaixa moi pouco, até hai dúas semanas non gañaran pero os seus resultados son moi curtos dun gol, de ningún. A nivel defensivo é forte, ten experiencia. Ten dous bos porteiros, xogadores por dentro de bo pé, dous extremos desequilibrantes. E logo, que vos vou a contar de Rufo", analizou Rubén na rolda de prensa previa ao duelo.
Por todo iso "temos que desconectalos, temos que tentar levar o control do partido, porque a nada que se acendan xa están motivados de seu, e se a xente empuxa... Hai que tentar que non se metan no partido", explica.
Ademais o adestrador do Pontevedra cre que ao ser "a súa primeira participación na historia en Copa do Rei vaille a xerar moitísima ilusión".
Preocupa na casa granate o estado que poida presentar o céspede do Couto, que xa condicionou o recente partido de liga fronte ao Ourense CF e tendo en conta que o propio Ourense CF disputa este martes no mesmo escenario outro partido de Copa, apenas 24 horas antes do UD Ourense-Pontevedra. En todo caso para Rubén Domínguez "ao final imos ter que xogar nel e si está un pouquiño mellor que en liga a ver se podemos facer máis cousas e se non, pois vai tocar adaptarse. O que importa aquí é pasar a eliminatoria", resolveu o preparador.