O Racing de Ferrol chegará ao Estadio Municipal de Pasarón este domingo onde se enfrontará ao Pontevedra Club de Fútbol nun dos partidos máis esperados polo afeccionado.
O técnico racinguista, Cristóbal Parralo, falou na rolda de prensa previa ao encontro da dificultade que supón enfrontarse ao conxunto granate no seu feudo, ao tratarse dun equipo que "no seu campo está a sacar moitos puntos".
"Todos os partidos son moi complicados e difíciles", lembra, "temos un desprazamento non moi longo ante un bo equipo que vai conseguindo mellores resultados e que está coa confianza de gañar en Ceuta", pero insiste en que independentemente de que o Pontevedra non perdese aínda en Pasarón, "as estatísticas están para rompelas".
É consciente das fortalezas do equipo de Antonio Fernández, que ten a Charles e Rufo como máis destacados no ataque e ao seu estadio como fortín, pero cun perfil de plantel similar ao do ano pasado, "quizá con algún matiz diferente, pero os xogadores son practicamente os mesmos".
En canto ás ausencias do Racing de Ferrol para o encontro en Pontevedra están as de longa duración de Pumar, Luca e Jon, mentres que entre algodóns atópanse Kike, que este venres traballou co grupo pero que leva toda a semana sen participar, e Jaume, que levou un golpe. Destes dous últimos verán as súas condicións no adestramento do sábado e será aí cando descarten as dúbidas.