Denia e Conesa, na rampla de saída

Pontevedra
31 de decembro 2025
Actualizado: 12:12

O mercado invernal de fichaxes apunta a máis movementos no Pontevedra que as dúas fichas coas que xa conta dispoñibles, coas posibles saídas de homes como Nico Conesa e Marcos Denia

Nico Conesa, adestrando co Pontevedra 25-26 na Xunqueira

O Pontevedra Club de Fútbol apunta cara a un movido mercado invernal de fichaxes.

Máis aló das dúas fichas xa dispoñibles no club granate, tras a rescisión de Hervías confirmada este luns na Xunta de Accionistas pola presidenta Lupe Murillo e a lesión de Juanra, todos os focos apuntan cara a outros futbolistas do primeiro plantel.

Aínda que todos os integrantes do equipo reincorporáronse aos adestramentos ao comezo da semana, as ausencias sobre o céspede o martes disparan as posibilidades de máis movementos.

As miradas víranse en concreto cara a Marcos Denia e Nico Conesa, dous dos futbolistas que menos oportunidades tiveron no que vai de tempada.

O caso que parece máis claro é o do primeiro, e é que o dianteiro pertence ao Cádiz, club do que chegou en calidade de cedido á Boa Vila e ao que lle interesa que conte cun maior número de minutos na segunda volta.

Co seu contrato garantido e as partes dispostas a iso, é a operación que se pode pechar con menor complicación, máis aló da procura dun substituto de garantías. Denia de feito só participou en 5 partidos de liga esta tempada, todos eles como suplente sumando apenas 43 minutos sobre o céspede na competición regular.

Nun caso similar, de falta de minutos, atópase tamén Nico Conesa, que apenas disputou 4 partidos de liga (58 minutos), ningún como titular.

A estes dous nomes únese o de Dani Selma, ao que publicamente se lle abriu a porta de saída tras o episodio vivido ante o Mérida. Con contrato até final de tempada, a súa marcha en todo caso está supeditada a un acordo entre ambas as dúas partes.

De concretarse este tres saídas subiría o número de previsibles movementos a realizar polo Pontevedra durante o mes de xaneiro, coa necesidade de reforzar todas as liñas de xogo fóra da portaría. Un central, un extremo e un dianteiro son as tres prioridades para dar maior profundidade ao plantel, pero non as únicas opcións sobre a mesa.

Cabe lembrar que o período invernal de fichaxes abrirá oficialmente o xoves 2 de xaneiro coa posibilidade de inscribir futbolustas até o día 2 de febreiro (inclusive).