O Pontevedra Club de Fútbol deu a coñecer este venres un dos segredos mellor gardados durante as últimas semanas, a imaxe do primeiro equipamento que lucirán durante toda a tempada.
Fíxoo con todo nunha deslucida presentación, na que ningún membro da directiva, tanto presidenta como compañeiros no Consello de Administración, ademais de corpo técnico ou plantel, acudiu a pousar ante a nova zamarra.
O club granate convocara os medios de comunicación para a efeméride, pero todo o que atoparon os asistentes na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón foron dous maniquís vestidos coa nova camiseta do equipo, que estreará este mesmo domingo (19:00 horas) ante a Cultural Leonesa.
O segundo equipamento pola súa banda será a azul que o Pontevedra xa luciu no seu debut en liga en Salamanca, mentres que a terceira aínda non está decidida, segundo aseguraron desde a entidade.
Como novidade, aínda que tanto a roupa de adestramento como o segundo equipamento mantéñense na marca Joma, a elástica titular estrea marca propia, denominada 'Sentimento granate'.
Estará xa á venda este mesmo domingo 2 de setembro na tenda de Pasarón, a un prezo que aínda non se confirmou pero que se mantería no fixado a pasada tempada de 38 euros para os socios e 45 euros para o público xeral.