Diego Cervero, no punto de mira para reforzar a dianteira

Pontevedra
24 de xullo 2018

O aínda futbolista do Mirandés, pichichi a pasada campaña da Segunda  B con 23 tantos na fase regular, é o principal obxectivo dos granates para reforzar a punta de ataque

Diego Cervero, na súa presentación como xogador do Mirandés
Diego Cervero, na súa presentación como xogador do Mirandés

A procura dun dianteiro contrastado na categoría segue centrando a actividade nas oficinas de Pasarón, mentres no deportivo o Pontevedra avanza coa súa pretempada.

Aínda que Luismi declárase "contento" co rendemento que están a ofrecer tanto Javi Pazos como Rivera ata o momento, o certo é que no club queren reforzar esta demarcación, máis se cabe tendo en conta que os plans do técnico pasan por atrasar a posición de Berrocal.

Interior, media punta ou como segundo dianteiro son as demarcacións nas que está a probar ao andaluz, xa que "dentro de mi idea de fútbol lo veo más ahí", recoñeceu Luismi na previa do trofeo Luís Otero que lles enfrontará este mércores ao Lugo.

Isto fai necesaria a incorporación doutro ariete que ocupe a única ficha sénior aínda libre, e que faga esquecer a negociación errada co racinguista Joselu cando todo parecía pechado.

Ese nome, polo menos o que se coloca a estas alturas como principal obxectivo do Pontevedra, é Diego Cervero, futbolista asturiano que o pasado ano finalizou a liga como pichichi da Segunda B, con 23 tantos na competición regular, nas filas do Club Deportivo Mirandés.

A piques de cumprir 35 anos, Cervero segue tendo contrato en vigor coa entidade burgalesa, pero a súa saída antóllase cada vez máis próxima segundo apuntan desde Miranda de Ebro. Aí entraría o Pontevedra, que xa o pasado verán chegou a contactar co xogador e que este ano volveu á carga mellorando considerablemente a súa oferta.

O dianteiro asturiano teñen unha dilatada experiencia na Segunda División B en equipos como o Logroñés, Fuenlabrada, Mirandés e Real Oviedo, club co que chegou a debutar na Segunda División.