Edu Sousa ou Marqueta: O debate na portaría do Pontevedra está servido

Pontevedra
18 de decembro 2025

O bo nivel mostrado por Edu nos últimos encontros, tras a baixa por lesión de Marqueta, pon enriba da mesa de Rubén Domínguez o dilema sobre por que porteiro apostar

Edu Sousa e Marqueta, no quecemento do partido entre Celta Fortuna e Pontevedra
Edu Sousa e Marqueta, no quecemento do partido entre Celta Fortuna e Pontevedra / Pontevedra CF SAD

Bendito problema, polo menos este, para Rubén Domínguez e o Pontevedra Club de Fútbol.

O gran nivel mostrado por Edu Sousa nos últimos encontros, nos que foi titular polos problemas físicos de Marqueta, abriron o debate na portaría granate.

Non o fixeron por demérito de Marqueta, un dos destacados no inicio de curso, encadeando titularidades nas 12 primeiras xornadas do campionato con 12 goles encaixados, un por partido de media.

O 13 granate é lembrado aínda polo gol marcado na xornada inicial, e acumula dúas portarías a cero este curso (ante Ponferradina e Arenteiro).

Con todo un problema muscular no xemelgo deulle a alternativa a un Edu Sousa que recibira previamente eloxios do técnico pola súa boa disposición nos adestramentos a pesar da súa falta de minutos.

O de Tui, que se situou no segundo posto do ranking histórico de partidos co Pontevedra, entrou no once inicial en Lugo na xornada 13, con resultado de derrota por 1-0, e mantívose nas seguintes xornadas con empate contra o Guadalajara (1-1) e as vitorias fronte a Celta Fortuna (1-2) e Arenas de Getxo (2-0), no que ademais sumou a súa primeira portaría a cero.

Edu defendeu ademais a meta granate nos dous choques de Copa do Rei (1-1 en Ourense e 0-3 contra o Eibar en Pasarón). En liga, con 3 tantos encaixados en 4 partidos, promedia 0,75 goles encaixados por encontro na competición regular.

Un rendemento, con intervencións destacadas tanto en Vigo como contra o Arenas, que abre un debate lexítimo de se merece continuidade no once.

Unha decisión que recae agora sobre o técnico, Rubén Domínguez, na última xornada do ano en Barakaldo, a primeira na que Marqueta estará en perfectas condicións superada a súa lesión e un proceso gripal.

Polo menos o adestrador granate ten claro que xogue quen xogue o Pontevedra pode estar tranquilo baixo os paus.