El Plantío, primeira parada do ano para o Pontevedra

Pontevedra
02 de xaneiro 2016

Os granates xogan este domingo en Burgos (17:00 horas) o seu primeiro partido de 2016 coa intención de manter a súa boa liña de xogo e resultados para asentarse nos primeiros postos

Luisito dá instrucións aos seus xogadores nun adestramento do Pontevedra en Pasarón Mónica Patxot

Empezar 2016 da mesma forma que terminou 2015, gañando. É o obxectivo dun Pontevedra que pecha este domingo en Burgos (El Plantío, 17:00 horas) a primeira volta da competición ligueira.

Será unha proba esixente para os homes de Luisito, que deberán repoñerse ás ausencias no centro do campo para superar a un cadro burgalés que acabou o ano con tres triunfos consecutivos que o levantaron á décima praza.

O técnico granate deberá decidir quen é o substituto de Adrián Mouriño no once, despois da súa operación de apendicite, sendo o único futbolista de baixa xunto a Álex Fernández. Pola súa banda o Burgos de Ángel Viadero contará tamén con dúas ausencias confirmadas por lesión, as de Pérez e Iván Zarandona.

Ademais dos dous lesionados, Luisito descartou a Pablo, Tomás, Miki e Miguel, polo que os 16 xogadores convocados son: Edu, Lloves, Adrián, Capi, Campillo, Bruno, Verdú, Pedro García, Kevin Presa, Queijeiro, Anxo, Tubo, Jandrín, Jacobo, Borjas e Pablo Carnero.

O Pontevedra, que non perde fóra de casa desde o 26 de setembro en Ferrol, aspira a continuar a xeira positiva de resultados para asentarse nos catro primeiros postos.

O encargado de arbitrar o choque será o colexiado vasco Aitor Gorostegui Fernández-Ortega, auxiliado nas bandas por Javier Rodríguez Echavarri e Ánder Arzamendi Argaya.