A 23ª Volta a Galicia Elite e Sub-23 está xa en marcha.
Ribadumia deu o pistoletazo de saída este xoves á proba ciclista cunha contrarreloxo de 7,2 quilómetros de percorrido na que brillou un dos equipos máis potentes do panorama nacionaol, o Caja Rura-Alea.
Tres dos seus corredores asinaron o tres primeiros postos da etapa.
O estremeño Iker Pérez impúxose por só 93 centésimas de diferenza sobre o seu compañeiro de equipo Antonio González e con 9 segundos sobre Daniel Cepa.
Foron os mellores dunha xornada marcada pola choiva, con 117 ciclistas na liña de saída.

Para atopar ao mellor galego no arranque da Volta hai que mirar ao undécimo posto co arousán Martín Rei (Cortizo), a 23 segundos do líder.
As diferenzas en todo caso non resultan especialmente significativas co que aínda está por chegar, empezando este mesmo venres coa primeira etapa en liña con saída e meta en Caldas de Reis.
Serán 138 quilómetros de percorrido con até catro ascensións puntuables que apuntan a empezar a definir a proba ciclista por etapas.