Festa de fin de curso no Pontevedra

Pontevedra
16 de maio 2018

Xornada de despedida no Pontevedra Club de Fútbol, que entre bromas, risas e bo ambiente realizou este mércores o seu último adestramento da tempada. A sesión deixou divertidas imaxes con corpo técnico e ata o director deportivo vestidos de curto demostrando as súas habilidades co balón

Último adestramento da tempada do Pontevedra
Último adestramento da tempada do Pontevedra / PontevedraViva

Xornada de despedidas no Pontevedra Club de Fútbol. O primeiro plantel granate realizou este mércores o seu último adestramento da tempada, no que non faltaron bromas e risas prolongando a celebración pola permanencia na Segunda División B.

Sobre o céspede de Pasarón non só xogadores, tamén todo o corpo técnico e ata o conselleiro responsable da planificación deportiva, Roberto Feáns, vestidos de curto e lembrando os seus tempos como futbolistas.

Imaxes divertidas que tiveron como centro unha serie de partidiños entre tres equipos, no que participaron o propio Feáns, Luismi e o resto dos técnicos.

Aínda por riba, Álex Fernández e Adrián León demostraron maneiras baixo paus competindo co adestrador de porteiros e exgardameta do primeiro equipo, Moncho.

Unha boa maneira de sacar fóra toda a tensión acumulada ao longo dunha difícil campaña e antes de empezar a pensar no futuro, que nalgúns casos seguirá estando ligado á cor granate pero noutros non.

Tras o exercicio, o plantel tiña prevista unha comida de despedida.

REUNIÓN DO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN

Pechada a tempada deportiva, o club debe empezar a mover ficha e tomar as primeiras decisións para planificar a próxima campaña, empezando por decidir quen será o inquilino do banco de Pasarón e seguindo por presentar ofertas de renovación ás xogadores que queren reter en nómina.

Neste aspecto, o Consello de Administración ten previsto reunirse este mércores tras a citada comida para facer balance do curso e empezar a pensar nos obxectivos e o futuro próximo do equipo.