Restan dúas xornadas para que conclúa a brillante tempada polo Pontevedra Club de Fútbol e, co ascenso a Primeira RFEF xa conseguido, agora os focos están na renovación (ou non) de Yago Iglesias.
"Non falamos nada e a presidenta corroborouno", sinalou na rolda de prensa previa ao encontro fronte ao Torrelavega o técnico granate, lembrando que a campaña pasada tampouco houbo conversacións respecto diso ata final da liga, polo que entende que a situación será similar.
O adestrador afirmou, en todo caso, que a súa renovación é algo que "non mo plantexo nin depende cento por cento de min", polo que agora mesmo está centrado nos partidos que quedan, nos que tratará de alcanzar a segunda maior puntuación histórica do club.
Neste sentido, Iglesias indicou que, segundo informes estadísticos de anos anteriores, ao longo desta tempada xa se bateron algunhas marcas e agora "está por diante ser o equipo que neste novo formato faga máis puntos".
"Temos opción chegar a 75 e quero conseguilo. Quedan dúas xornadas e, co obxectivo do ascenso conseguido, puidemos darlle á semana esa volta de torca para atopar unha motivación", recoñeceu o técnico, quen tamén se referiu á próxima tempada, sinalando que "non vai estar o mesmo equipo, moitos seguirán e outros non", polo que lle gustaría despedir a liga en Pasarón cun campo cheo, xa que "este equipo merece unha despedida ao grande e oxalá se una o gañar os dous seguintes partidos e conseguir o máximo de puntos".
Neste sentido, a pesar de que esta semana só adestraron dous días, "imos a polos 3 puntos, que ninguén teña dúbida, pero a maneira de facelo cambia con respecto a semanas anteriores".
É por iso que, neste momento, "xogadores que tiveron menos protagonismo terano. Tampouco cambiará demasiado, son xogadores que xa xogaron en Copa do Rei e liga, polo que queda demostrado que xogue quen xogue será igual".
Algo que tamén adiantou o técnico é que as dúas xornadas que restan "imos xogar máis soltos, verémolo tamén no once. Gústanos probar xogadores en distintos postos e esta fin de semana veremos algo diferente. Levámolo adestrando tempo, pero a tensión de gañar fai que tires de freo de man, así que estas dúas xornadas podémolo probar sen presión".
Na última delas, ademais, Pasarón contará coa visita de Víctor Valdés, quen esta semana pasou a ocupar o banco do Real Ávila, equipo contra o que o Pontevedra despedirá a tempada.
"Espero que a xente veña a ver o Pontevedra, pero é un aliciente. Permitímoslles vir aínda que a súa única intención sexa velo a el", chanceou Iglesias, quen volveu incidir no nivel que ten a Segunda RFEF en canto a adestradores e planteis. "Ás veces menosprezámolo, pero se non tivese o nivel e importancia que ten seguramente adestradores como Víctor ou Gabi, que asinou no Zaragoza, non estarían a adestrar nesta categoría", indicou.
Iglesias concluíu expresando o seu orgullo polo equipo, o ascenso e a tempada en xeral. "Non podemos estar máis orgulloso deste plantel, deste ascenso e sobre todo, non cansarei de dicilo, de aquí até o final da miña etapa como adestrador, que espero que sexa dentro de moitos anos, esta tempada vai estar marcada en min. O obxectivo é gañar, pero estes días de celebración a xente que se achegaba a falar comigo, todo o mundo viña falar do como conseguir estar en Primeira RFEF. Esta tempada gocei moitísimo como adestrador e iso faime estar máis feliz si cabe, isto fai que coa resaca o goce máis", finalizou.