Javier Gómez Noya mandou este domingo un aviso aos seus novos rivais na longa distancia, chegou para tentar brillar na primeira tempada na se que marca como obxectivo principal o Campionato do Mundo Ironman de Hawaii.
O triatleta galego, dúas veces campión mundial na distancia Ironman 70.3, impúxose con contundencia este domingo en Francia no Cannes International Triathlon demostrando que o traballo que realizou durante o inverno deu os seus resultados, nunha carreira que contou cun percorrido de 2.000 metros de natación, 107 quilómetros de ciclismo e 16 quilómetros de carreira a pé.
Foi unha proba que comezou dominando na natación, con 5 segundos de vantaxe sobre o segundo na primeira transición, e na que seguiu liderando na primeira parte do sector ciclista. Na bicicleta, pouco antes do ecuador, alcanzoulle o británico Sam Laidlow, pero unha avaría devolveu a primeira posición a un Gómez Noya que xa non abandonaría a cabeza de carreira.
No tramo final a pé o triatleta afincado en Pontevedra non tivo rival para chegar á liña de meta cun tempo de 4 horas, 27 minutos e 10 segundos, con máis de tres minutos de vantaxe sobre o francés Kevin Maurel. Terceiro foi o alemán Malte Plappert.
O debut de Javier Gómez Noya en distancia Ironman producirase, segundo o seu calendario previsto, o día 10 de xuño na localidade australiana de Cairns.