Grupo Lirón, novo patrocinador principal do Teucro

Pontevedra
15 de setembro 2022

O club pontevedrés, que o vindeiro sábado 17 iniciará a competición ligueira na Primeira Nacional, presentou ao seu novo patrocinador principal e as camisetas que lucirá durante a tempada

O Teucro presenta ao seu novo patrocinador, Grupo Lirón
O Teucro presenta ao seu novo patrocinador, Grupo Lirón / PontevedraViva

A Sociedad Deportiva Teucro, que a nivel deportivo prepárase para iniciar o sábado a nova tempada na Primeira Nacional, presentou este mércores a un novo socio no camiño que lle espera para tentar rexurdir das súas cinzas.

Trátase de Grupo Lirón, empresa dedicada á fabricación de colchóns e que se incopora como novo patrocinador principal do primeiro equipo teucrista.

"É un club con historia, que está a pasar un mal momento, pero creo que entre todos podemos axudar a que volva ao sitio que se merece", sinalou na presentación de acordo un dos representantes da firma, Alberto Pérez.

O patrocinio afectará ademais á denominación do equipo, que pasa a chamarse Lirón-Teucro.

No acto o vicedecano do balonmán nacional aproveitou para presentar as súas equipacións para a próxima tempada, xa co novo logotipo no frontal, e que están "inspiradas nas da tempada 75-76", explicou Óscar Paredes, membro da xunta xestora teucrista, sobre unhas camisetas que serán azuis case na súa totalidade na primeira equipación cunha segunda de cor laranxa.