Momento importante da tempada para o Pontevedra Club de Fútbol.
Así o recoñeceu este venres Rubén Domínguez a 24 horas de recibir en Pasarón o CD Guadalajara (sábado 29, 18.30 horas), e é que este duelo e o próximo como local fronte o Arenas de Getxo (domingo 14 de decembro) antóllanse de gran importancia.
"É un partido que temos que sacar polo civil ou polo criminal", afirmou o técnico granate.
"É certo que ao final os puntos da casa e os puntos de fóra valen o mesmo, pero estes dous son rivais directos, xa non son o tres puntos que podes meterlle no caso de gañar, senón son o tres que non gañan eles", defendeu Domínguez.
No que respecta ao primeiro duelo, cualifícao de "vital" e por iso afróntao sen pensar na carga de minutos dun plantel condicionado esta semana polos problemas físicos e que nuns días debe xogar Copa do Rei. "A partir deste partido encaixaremos o demais, pero agora mesmo a nosa mentalidade está na liga porque é onde xogamos o pan", afirma Rubén.
O preparador avanzou que "ao da semana pasada recuperamos a Yelko e Brais está tocado e estamos aí a ver si pode entrar".
Non conta cun Garay que ten "unha pequena rotura" muscular e que "a ver se pode estar no seguinte partido na casa, ou forzando moito a situación contra o Celta B". Pola súa banda Marqueta estará no convocatoria pero cederá por segunda semana consecutiva o seu posto en portaría a Edu Sousa.
Ante esta situación "vai haber oportunidade seguro nesta semana para todos porque hai tres partidos", confirma.
Rubén Domínguez referiuse tamén ao próximo rival, un Guadalajara que "o ano pasado fixo unha competición tremenda, foron campións con folgura e teñen bos xogadores". Por iso iniciaron ben a tempada ata que "se lle xuntaron unha serie de lesións todas xuntas e ao final, cando perdes xogadores importantes, pois tamén o equipo perde potencial".
Por último aludiu a un mercado de inverno cada vez máis próximo, sinalando que "agora mesmo somos os que somos e somos os que o temos que sacalo adiante, pero si que é certo que se ofrece unha posibilidade no mercado de xaneiro e teremos que estar preparados para todo o que sexa".