A arbitraxe pontevedresa levaba case tres décadas sen un representante na elite, desde a retirada de Bello Blanco na tempada 93-94, ata que Alejandro Muñiz Ruiz puxo fin a esa etapa cun merecido ascenso a Primeira División.
Todo un fito que ben merecía unha homenaxe de compañeiros e amigos do mundo da arbitraxe. É o que sucedeu a última hora deste xoves na sede pontevedresa da Real Federación Galega de Fútbol.
Nun acto sinxelo e emotivo, Muñiz recibiu o agarimo e recoñecemento da Federación e do Comité Técnico de Árbitros (CTA) de Pontevedra, primeiramente dun presidente da Federación Galega, Rafael Louzán, que destacou "a súa calidade humana e a súa humildade, que lle serviron para chegar todo o máis alto. É un exemplo para todos e estamos moi orgullosos de ti", afirmou o dirixente autonómico.
O protagonista da xornada, pola súa banda, mostrouse agradecido pola homenaxe e quixo "agradecervos a todos os compañeiros árbitros e amigos que me acompañastes neste camiño por axudarme a chegar ata aquí".
Ademais de Louzán no acto estaban presentes, entre outros, o vicepresidente federativo, José Manuel Fernández; o delegado en Pontevedra, Jaime Otero; o directivo do Comité Técnico de Árbitros galego Óscar López; o delegado do CTA de Pontevedra, Ramón Arís; o anterior delegado Manuel Vidal Araújo; e unha ampla representación do colectivo arbitral entre os que se atopaban os colexiados Daniel Pastoriza Iglesias e Alberto Gómez Lameiro, recentemente designados para a Primeira RFEF, e Álvaro Juncal Moreira e Sergio Doval Gil, que ascenderon á Segunda RFEF.
Alejandro Muñiz logrou o ascenso á máxima categoría tras só dous anos en Segunda División, recibindo este ano o premio Vicente Acevedo da RFEF tras ser elixido como mellor colexiado da categoría de prata.