Incorporar un dianteiro, prioridade do Pontevedra no mercado invernal

Pontevedra
05 de xaneiro 2016

O club granate busca ademais un substituto para Sergio Lloves, que solicitou a baixa ao ter unha oferta dun club estranxeiro. O encargado da dirección deportiva, Roberto Feáns, asegura que "a día de hoy no nos planteamos la salida de ningún jugador"

Sergio Lloves durante un adestramento na Xunqueira Mónica Patxot

A boa marcha do Pontevedra en liga non evita que o club granate se atope sondando o mercado para completar o plantel con algunha incorporación ao longo do mes de xaneiro.

O club fixa a súa prioridade en lograr a contratación dun dianteiro "que tenga un buen nivel para pelear por el puesto" con Borjas e Pablo Carnero porque "tenemos sólo dos en plantilla y no queremos arriegarnos a una lesión", recoñeceu o responsable da dirección deportiva, Roberto Feáns.

Na actualidade o Pontevedra non conta con ficha senior dispoñible, pero si sub-23, aínda que a situación pode cambiar tras solicitar Lloves a súa baixa federativa, segundo desvelou este martes Xaime Nogueira en Diario de Pontevedra.

O gardameta ten sobre a mesa unha oferta dun club estranxeiro, polo que trasladou esta situación ao club e tamén ao seu adestrador, Luisito. A súa saída, que só se produciría se se atopa un relevo de garantías para competir con Edu, deixaría unha ficha senior libre a falta de saber se o novo porteiro é ou non sub-23.

De todos os xeitos, en relación a posibles marchas "a día de hoy no nos planteamos la salida de ningún jugador", sinalou Feáns, ao estar satisfeito co rendemento que está a dar ata o momento o plantel.

SEN DESCANSO POLA COPA FEDERACIÓN

O Pontevedra afronta de novo unha semana diferente na súa preparación da próxima xornada ligueira, o vindeiro domingo de novo a domicilio ante o Guijuelo.

A ida dos oitavos de final de Copa Federación ante o Rápido de Bouzas, prevista para este mércores ás 17:00 horas no Estadio Municipal de Pasarón, obriga ao corpo técnico a programar unha semana sen xornada de descanso.

Luisito, como vén sendo habitual na competición copeira, dará oportunidade aos futbolistas menos habituais.