Lloves rescinde o seu contrato co Pontevedra

Pontevedra
11 de xaneiro 2016

O gardameta, que solicitara a baixa federativa, xa non se adestrou este luns co resto dos seus compañeiros. Contaba cunha oferta dun club centroamericano que finalmente non chegou a bo porto

Sergio Lloves nun adestramento do Pontevedra Mónica Patxot

A segunda etapa de Sergio Lloves no Pontevedra Club de Fútbol xa é historia. O gardameta desvinculouse do club granate e este luns xa non adestrou cos seus compañeiros no campo de Príncipe Felipe.

Lloves solicitara a baixa federativa ao club ao contar cunha importante oferta dun equipo centroamericano.

A pesar de estar o acordo practicamente pechado esta operación foise ao traste nas últimas horas, o que non evitou que o Pontevedra continuase adiante coa baixa do xogador.

Agora a entidade de Pasarón deberá reforzar a súa portería no mercado invernal, sendo a primeira opción a de incorporar a un gardameta en idade sub-23 para liberar así unha ficha senior, coa idea de fichar tamén un dianteiro que compita por un posto con Borjas e Pablo Carnero.

CAMPILLO E CARNERO, Á MARXE

A volta ao traballo tras o triunfo en Guijuelo desenvolveuse con grande ambiente entre o plantel granate, aínda que a batalla contras o adversario e a climatoloxía en terras salmantinas deixou secuelas.

Campillo, cun forte golpe nun nocello, exercitouse á marxe do grupo, aínda que se espera que tras a xornada de descanso poida adestrar con normalidade. Ademais Pablo Carnero continúa a menor ritmo ao persistir as molestias que arrastra e Mouriño segue sen poder adestrar por mor da súa operación de apendicite.

Na parte positiva da balanza, Álex Fernández evoluciona favorablemente da súa lesión acurtando os prazos de recuperación, aínda que estará afastado dos terreos de xogo un par de semanas máis.