Un total de 20 clubs de Galicia, Asturias, Zamora e Barcelona, entre eles varios centros escolares, participarán este sábado día 1 no II Open Taekwondo Cidade de Lérez que se disputará no Pavillón Municipal dos Deportes.
Algo máis de 500 deportistas participarán nun evento que se divide en dúas modalidades, unha primeira parte de exhibición en categorías infantil, cadete e adulta, e por outro lado a modalidade de combate en idades alevín e infantil.
Na exhibición, que se celebrará de 10:00 a 14:00 horas, concéntranse 397 competidores de 9 equipos, mentres nos combates se citarán de 16:00 a 20:00 horas 147 deportistas, todos eles equipados coa última tecnoloxía como os petos electrónicos similares aos usados nos últimos Xogos Olímpicos, co engadido de que pola súa curta idade non poderán realizar golpes na cabeza.
O evento, organizado polo Taekanart, incluirá ademais unha exhibición dos colexios de Pontevedra, segundo confirma o representante do club Toño Ríos, "es una oportunidad para que demuestren lo que han aprendido este año".
Está confirmada a presenza do Natural Sport, Patiño, Kiap, Taekanart, Mace Sport, CEIP Coirón, Hebe, Escolas Deportivas de Poio, Selección Asturiana de Exhibición, Mat's, Garrapucho, Taekwondo Zamora, Couto, Luar, A Xunqueira, Suh Sport, Tao, Kido, Olimpia e Yidam.