Os malabares de Rubén Domínguez para decidir o once contra o Eibar: "Vai tocar inventar"

Pontevedra
02 de decembro 2025

O adestrador do Pontevedra recoñece que dará a oportunidade a un futbolista do filial e a homes con menos minutos na liga. Miki e Luisao entran na convocatoria pero empezarán no banco

Rubén Domínguez, no partido entre Pontevedra CF e Mérida en Pasarón
Rubén Domínguez, no partido entre Pontevedra CF e Mérida en Pasarón / Cristina Saiz

Un puzzle de difcíl encaixe.

Así se presenta o partido de segunda rolda da Copa do Rei contra a SD Eibar (mércores, 21.00 horas) para o Pontevedra Club de Fútbol e en especial para o seu adestrador, Rubén Domínguez, responsable de decidir o once inicial e de repartir esforzos para non acusar o cansazo na liga.

"Hai que xogar un pouco co sábado e mañá", afirmou o técnico granate recoñecendo que "vai tocar inventar" pola falta de efectivos especialmente na liña defensiva aínda que "xa pensaremos en Vigo, agora mesmo o noso foco está en Eibar"

Por partes Rubén confirmou que "Miki está cunha sobrecarga, ao final non ten rotuta, e Luisao tamén", en relación aos futbolistas que concluíron o último partido de liga con molestias. En ambos os dous casos "están convocados, non van saír de inicio pero poden chegar a ser utilizados".

A eles súmanse os problemas físicos de Brais Abelenda, Garay, e Marqueta, xunto á lesión de longa duración de Juanra e as situacións de Dani Selma e Hervías.

Por todo iso no centro da zaga "vai xogar un xogador que non é a súa posición á beira do outro central dispoñible", aínda que "o bo deste plantel é que é polivalente. Pode xogar Nico (Conesa), pode xogar Alain, pode xogar Vido, e tamén nos laterais podemos facer diversos recambios, é o bo de ter xogadores polivalentes", defendeu o preparador granate.

Ademais confirmou de novo a titularidade de Edu Sousa e "tamén vai xogar un chico do filial de inicio".

Neste sentido entran na lista para a Copa do Rei, desde a canteira, Oute, André, Iker e Efrén.

O choque suporá tamén "unha oportunidade para Expósito, para Nico, para Denia e para outros xogadores como o rapaz do filial para mostrarse e dicir aquí estamos nós", defende Rubén Domínguez.

Con todo e a pesar das adversidades o adestrador do Pontevedra confía en poder facerlle fronte ao Eibar da Segunda División, afirmando que "imos competir, imos facer un bo partido e esperemos pasar a eliminatoria, imos coa máxima ilusión".

"O campo está como está, pois loitaremos, entregarémonos e seguro que o Eibar se vai a acordar do que é Pasarón, esperemos, porque queden eliminados", concluíu o máximo responsable do banco pontevedrés antes de medirse a un conxunto vasco que a pesar da súa mala situación na liga, ao estar en descenso, "non creo para nada que veñan regalar nada".