Manuel Hurtado e Edymar Brea corónanse no Medio Maratón de Pontevedra

Pontevedra
17 de outubro 2021

Os favoritos do Medio Maratón de Pontevedra celebrada este domingo non defraudaron. Manuel Hurtado e Edymar Brea impuxéronse con claridade na proba onde o atleta da Sociedad Gimnástica conseguiu o seu cuarto oro e Brea revalidou título, sendo os mellores dos case 1000 participantes

XXVI edición do Medio Maratón de Pontevedra Cristina Saiz

Os favoritos do Medio Maratón de Pontevedra celebrada este domingo non defraudaron. Manuel Hurtado e Edymar Brea impuxéronse con claridade na proba onde o atleta da Sociedad Gimnástica conseguiu o seu cuarto oro e Brea revalidou título, sendo os mellores dos case 1000 participantes.

Por cuestións sanitarias a saída realizouse de maneira graduada desde a Ponte dos Tirantes, concretamente en grupos de cen.

Primeiro arrincaron os da distancia de 10 quilómetros, onde gañaron Carlos Portos en categoría masculina cun tempo de 31 minutos e 44 segundos e Ángeles Castro na feminina con 41 minutos e 2 segundos.

Despois deles chegou a quenda dos mediofondistas, onde Hurtado e Brea fixeron o propio para ser os mellores un ano máis.

O atleta da Sociedad Gimástica parou o tempo en 1:07.33, avantaxando en máis de dous minutos a Carlos Villamor, segundo clasificado. Álvaro Prieto foi terceiro.

Pola súa banda, Edymar Brea superou en case 13 minutos a Ángela Rodríguez. Brea parou o cronómetro en 1:17.48 e Rodríguez, tras un apertado sprint con Sonia Teijeiro, en 1:30.20.