Marcos Castro, un exemplo de superación no Club Natación Galaico

Pontevedra
26 de abril 2018

O xoven nadador pontevedrés proclamouse este mércores na Cañiza dobre campión galego de natación adaptada. Aos seus 13 anos, vén de participar tamén no Nacional de Promesas Paralímpicas celebrado en Valencia

Marcos Castro xunto ao seu adestrador, Cristian Fernández, tras gañar dúas medallas na Cañiza
Marcos Castro xunto ao seu adestrador, Cristian Fernández, tras gañar dúas medallas na Cañiza

Ten só 13 anos, pero é todo un exemplo de superación para todos os seus amigos e compañeiros do Club Natación Galaico.

Marcos Castro, deportista do club pontevedrés, proclamouse este mércores na Cañiza dobre campión galego de natación adaptada. 

Fíxoo en concreto nas 50 Costas S3, nos que estivo preto da súa mellor marca, e na 50 Braza S3, nos que rebaixou o seu mellor rexistro en 10 segundos.

A da Cañiza non foi o seu primeiro contacto co alto nivel, xa que no principio do ano participou no Campionato de España de Promesas Paralímpicas celebrado en Valencia.

"Cando empezamos na natación era absolutamente imposible pensar en que podía chegar ata aquí, pero o seu esforzo, o seu afán de superación e o traballo enorme que fixo o Galaico e os seus adestradores fixérono posible e estamos todos moi contentos", recoñeceu a nai de Marcos, Montse, recentemente nunha reportaxe difundida polo club pontevedrés.