Miguel Cuesta: "Creo que vou encaixar moi ben no xogo que pide o adestrador"

Pontevedra
05 de febreiro 2025

O extremo, fichaxe invernal do Pontevedra, asegura estar "con moitas ganas" de xogar o seu primeiro partido como local no Estadio Municipal de Pasarón

Miguel Cuesta, adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Miguel Cuesta, adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Pontevedra CF SAD

Foi o último en chegar pero fíxoo "con moitas ganas".

Miguel Cuesta foi o futbolista escollido polo Pontevedra Club de Fútbol para comparecer este mércores na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.

Ante os medios de comunicación o extremo recoñeceu a boa acollida que lle prestaron á súa chegada á Boa Vila, e é que "hai un grupo fantástico no vestiario e tanto o corpo técnico como os compañeiros me acolleron moi ben. Estou moi contento de poder estar aquí", asegurou.

De feito, preguntado polo por que de ter aceptado a oferta granate e non algunha das recibidas o pasado verán, Cuesta foi moi claro afirmando que "ao final non saio no verán porque non teño unha proposta dalgún equipo que me faga esta ilusión que me fai poder vir aquí".

Por ese motivo "cando nos chega a proposta do Pontevedra para saír no inverno comunícollo ao club, á miña xente próxima e non tiven ningunha dúbida de vir para poder facelo o mellor posible e para cumprir o obxectivo de xogar o ano que vén en Primeira RFEF".

Tras sumar xa uns minutos en Riazor e con máis sesións de adestramento ás súas costas, Miguel Cuesta defende que "creo que vou encaixar moi ben no xogo que pide o adestrador".

Nese sentido, revela, Yago Iglesias quere del "que sexa vertical, que me atreva e eu creo que son características que teño e vou poder axudar moito", sinalou.

Por último o xogador asturiano mostrouse ansioso por poder estrearse na casa, no Estadio Municipal de Pasarón, "porque só levo un partido e na xente que se desprazou a Riazor vin esa paixón que teñen polo club. Por iso teño moitas ganas de poder xogar aquí con eles como local".